sígueme en

sígueme en
sandrabaston.artesaniatextil@gmail.com

xoves, 27 de xullo de 2017

Bolsos para unha nova etapa

   Fai tres meses aceptei a proposta de participar na feira de artesanía de Pontevedra desde o día 28 de xullo ao 6 de agosto de 2017. Foi  un reto importante que supuxo que me pechase no taller moitas horas para poder mostrar un catálogo de pezas de calidade e coherentes co meu concepto de artesanía.
   O resultado poderédelo ver a partir de mañá na praza da Ferrería de Pontevedra. Pero para quen non poida vir a visitarme irei publicando fotos dos meus traballos, algúns que continúan na onda do que xa tedes visto e outros moi novidosos con respecto ao que estou acostumada a facer, como esta colección de bolsos e carteiras que vos presento.















Todos os tecidos son artesanais feitos en tear empregando liño, estopa e algodón. As correas son en coiro natural.




domingo, 1 de xaneiro de 2017

Mantiñas para bebé

Quero abrir este 2017 desexándovos o mellor a todos e todas as que me seguides e presentando un dos traballos que máis me gusta facer e no que estiven traballando nos 2 últimos meses. 
As mantas para bebé son pezas especiais que simbolizan a protección e o amor que nos inspiran os pequechos. Para confeccionar estas prendas gústame coñecer o entorno do neno ou nena e facer un deseño único e persoal, como merecen as nosas crianzas. 
Aquí podedes ver dúas variedades dunha mesma idea de manta reversible tecidas en lá especialmente indicada para uso infantil.

A textura faise moi acolchada e agarimosa.





sábado, 3 de setembro de 2016

A inspiración da cor

Certas cores poden chegar a ser tan suxerentes que por si mesmas van guiando o traballo no tear. Foi o que me pasou coas últimas pezas que creei empregando como base un liño coa mesma cor da bugambilla que florece na entrada da nosa casa.

E despois de deseñar o proxecto e montar o tear con bastante tensión...

o resultado foron un par de chales e unhas pezas para a confección dun traxe de cerimonia. Estes son os chales:


E estas as fotos do traxe rematado e que veñen a demostrar que o tecido artesanal non está reñido coa moda e o deseño actuais.









domingo, 3 de xullo de 2016

Chales de verán

Sol, mar, vento, noites estreladas... chegou o verán e pode que iso repercutira nos meus últimos traballos. Algodón e liño, flecos e borlas, texturas lixeiras e amorosas, cores suxerentes... É a maxia da artesanía, as túas mans transforman os fíos e danlle significado.





mércores, 15 de xuño de 2016

No bo camiño

Seguimos no bo camiño, confeccionando pezas como estes camiños de mesa en liño e algodón. Fai tempo que dera un avance deste traballo, agora podedes velo in situ.

sábado, 19 de marzo de 2016

O último liño de Agarez

Despois de varias peticións de publicacións novas deixámosvos unha moi especial. Trátase dun video que acabamos de editar, filmado en 2014, na nosa visita a dona Maria Olímpia, a última das tecedeiras de Agarez (Portugal) que tece o seu propio liño. 
Non pretendemos facer un traballo etnográfico riguroso, simplemente un xeito de divulgar un patrimonio cultural que compartimos portugueses e galegos e que se atopa nun delicado momento de relevo xeneracional. Esta fascinante muller abriunos a porta da súa casa e do seu taller e mostrounos desinteresadamente todo o proceso do liño. 
Contaxiarse da paixón destas vellas tecedeiras pola súa profesión é o mellor que hai para cargar enerxía e darlle á lanzadeira con toda.


luns, 15 de febreiro de 2016

Unha ilusión, un desa-fío

Se o motor da vida é a ilusión, construír o teu propio é un dos maiores desafíos que existen. Pouco a pouco vou dándolle forma ao meu, peza a peza, engranaxe con engranaxe... e compartilo con todos os que me queredes e me seguides dáme gasolina para continuar. Por iso quero mostrarvos o meu novo taller, que pouco a pouco vai collendo forma e onde penso pasar bastantes horas pelexando cos fíos e coas ideas, que son eses que enredan pola cabeza e non se ven. Porque os grandes desa-fíos son invisibles e, como di Mónica de Nut, dos fíos invisibles chegan as cores.