luns, 15 de febreiro de 2016
Unha ilusión, un desa-fío
Se o motor da vida é a ilusión, construír o teu propio é un dos maiores desafíos que existen. Pouco a pouco vou dándolle forma ao meu, peza a peza, engranaxe con engranaxe... e compartilo con todos os que me queredes e me seguides dáme gasolina para continuar. Por iso quero mostrarvos o meu novo taller, que pouco a pouco vai collendo forma e onde penso pasar bastantes horas pelexando cos fíos e coas ideas, que son eses que enredan pola cabeza e non se ven. Porque os grandes desa-fíos son invisibles e, como di Mónica de Nut, dos fíos invisibles chegan as cores.
mércores, 20 de xaneiro de 2016
Non hai berce coma o colo
Aquí tedes o meu último proxecto, unha mantiña para bebé que pretende reflexar a tenrura do colo dunha nai ou un pai. Este encargo permitiume seguir explorando no tecido de niño de abella empregando unha mestura de fíos de lá que contribúan a unha textura suave e acolchada e procurando a proporción e harmonía nas cores.
domingo, 17 de xaneiro de 2016
Pola montaña á procura do tear
Pouco a pouco, o meu taller vaise ampliando e cada vez podo traballar máis e mellor nos meus tecidos. Despois dun mes agardando, por fin, esta fin de semana, puidemos ir buscar o novo tear que adquirín para poder elaborar pezas mais anchas (ata 1,50).
Houbo que desmontar cada peza unha a unha confiando en saber compoñer todo de novo
É un tear profesional de contramarcha da casa Indigo que estivo uns anos en funcionamento nun obradoiro de tecedeiras das montañas de Ourense. As 3 horas de coche valeron a pena só por estas paisaxes...
Houbo que desmontar cada peza unha a unha confiando en saber compoñer todo de novo
mércores, 6 de xaneiro de 2016
Fulares de reis
Estes fulares en lá foron dous agasallos de reis personalizados ainda que empregando o mesmo enfiado. E agora que vén o frío de verdade fai falla ir abrigado.
mércores, 30 de decembro de 2015
En proceso
Recibín un encargo para decorar unha cea de noitevella, dous camiños de mesa en liño e algodón. Aí o vedes ainda no tear, pinta ben pero ainda lle queda un pouco. Cando estea rematado prometo subir a foto.
Localización:
36945 O Hío, Pontevedra, Spain
Camiñando con rosas
Este chal de algodón foi tecido o ano pasado durante as miñas clases con María Xosé Lois. O filamento chamado camiño de rosas permitiume improvisar sobre un patrón preestablecido, como no jazz. O resultado desvélase ao desenrolar o pano.
Gofres para vestir
O gofrado é un filamento que me encanta. Despois de telo probado co liño, o resultado en lá é igual de bo ainda que a textura é bastante diferente. En algodón conséguese un efecto similar e fai o fular algo máis fresquiño.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)









