sígueme en

sígueme en
sandrabaston.artesaniatextil@gmail.com

sábado, 3 de setembro de 2016

A inspiración da cor

Certas cores poden chegar a ser tan suxerentes que por si mesmas van guiando o traballo no tear. Foi o que me pasou coas últimas pezas que creei empregando como base un liño coa mesma cor da bugambilla que florece na entrada da nosa casa.

E despois de deseñar o proxecto e montar o tear con bastante tensión...

o resultado foron un par de chales e unhas pezas para a confección dun traxe de cerimonia. Estes son os chales:


E estas as fotos do traxe rematado e que veñen a demostrar que o tecido artesanal non está reñido coa moda e o deseño actuais.









domingo, 3 de xullo de 2016

Chales de verán

Sol, mar, vento, noites estreladas... chegou o verán e pode que iso repercutira nos meus últimos traballos. Algodón e liño, flecos e borlas, texturas lixeiras e amorosas, cores suxerentes... É a maxia da artesanía, as túas mans transforman os fíos e danlle significado.





mércores, 15 de xuño de 2016

No bo camiño

Seguimos no bo camiño, confeccionando pezas como estes camiños de mesa en liño e algodón. Fai tempo que dera un avance deste traballo, agora podedes velo in situ.

sábado, 19 de marzo de 2016

O último liño de Agarez

Despois de varias peticións de publicacións novas deixámosvos unha moi especial. Trátase dun video que acabamos de editar, filmado en 2014, na nosa visita a dona Maria Olímpia, a última das tecedeiras de Agarez (Portugal) que tece o seu propio liño. 
Non pretendemos facer un traballo etnográfico riguroso, simplemente un xeito de divulgar un patrimonio cultural que compartimos portugueses e galegos e que se atopa nun delicado momento de relevo xeneracional. Esta fascinante muller abriunos a porta da súa casa e do seu taller e mostrounos desinteresadamente todo o proceso do liño. 
Contaxiarse da paixón destas vellas tecedeiras pola súa profesión é o mellor que hai para cargar enerxía e darlle á lanzadeira con toda.


luns, 15 de febreiro de 2016

Unha ilusión, un desa-fío

Se o motor da vida é a ilusión, construír o teu propio é un dos maiores desafíos que existen. Pouco a pouco vou dándolle forma ao meu, peza a peza, engranaxe con engranaxe... e compartilo con todos os que me queredes e me seguides dáme gasolina para continuar. Por iso quero mostrarvos o meu novo taller, que pouco a pouco vai collendo forma e onde penso pasar bastantes horas pelexando cos fíos e coas ideas, que son eses que enredan pola cabeza e non se ven. Porque os grandes desa-fíos son invisibles e, como di Mónica de Nut, dos fíos invisibles chegan as cores.




mércores, 20 de xaneiro de 2016

Non hai berce coma o colo

Aquí tedes o meu último proxecto, unha mantiña para bebé que pretende reflexar a tenrura do colo dunha nai ou un pai. Este encargo permitiume seguir explorando no tecido de niño de abella empregando unha mestura de fíos de lá que contribúan a unha textura suave e acolchada e procurando a proporción e harmonía nas cores.


domingo, 17 de xaneiro de 2016

Pola montaña á procura do tear

Pouco a pouco, o meu taller vaise ampliando e cada vez podo traballar máis e mellor nos meus tecidos. Despois dun mes agardando, por fin, esta fin de semana, puidemos ir buscar o novo tear que adquirín para poder elaborar pezas mais anchas (ata 1,50).
É un tear profesional de contramarcha da casa Indigo que estivo uns anos en funcionamento nun obradoiro de tecedeiras das montañas de Ourense. As 3 horas de coche valeron a pena só por estas paisaxes...



Houbo que desmontar cada peza unha a unha confiando en saber compoñer todo de novo




mércores, 6 de xaneiro de 2016

Fulares de reis

Estes fulares en lá foron dous agasallos de reis personalizados ainda que empregando o mesmo enfiado. E agora que vén o frío de verdade fai falla ir abrigado.